11.11.12

A matanza do porco.

Este día de San Martiño márcanos en certo xeito a entrada do inverno. Tradicionalmente coñécese coma o día dos Magostos. Comeza a matanza do porco, un ritual moi habitual na Galicia rural e que agora volve a ter pulo. Supón o mantemento das familias labregas e o abastecemento de carne para todo o ano. De ahí o refrán popular: “A todo porco lle chega o seu San Martiño”

Non fai moitos anos era habitual que cada familia criase varios porcos para o consumo da casa. Alimentávanos con verduras, fariña, maiz, orxo, castañas, peladuras de pataca, sobras de xantar... entre outros ingredientes. Unha vez cebados, xeralmente despois de San Martiño, o 11 de Novembro, procédese ao seu sacrificio, que se fai en tempo de frío ou xeadas e cando a lúa está en cuarto minguante.

O día da matanza constitúe unha festa á que se convida aos familiares e veciños máis próximos coa intención de que axuden nas tarefas. Posto que requiren unha achega de forza física importante, xa que os homes e as mulleres desenvolven diferentes cometidos na mesma. A matanza comeza ó amencer, case de noite e vai precedida dun copioso almorzo chamado "A Parva", composto de xamón, chourizo, queixo e demáis produtos da zona, con abundante viño, café, chocolate e por suposto a copiña de augardente.

O resultado dunha matanza ao estilo tradicional continúa sendo un acontecemento gastronómico e culinario que converte uns pratos humildes nun produto que se degusta con deleite. Cada vez é algo menos frecuente, de feito nos pobos laméntanse de que cada ano hai menos xente para facer a matanza. A crianza dun porco para o consumo familiar, converteuse case nun privilexio ó alcance duns poucos.

Tamén hai outros ditos referidos ó San Martiño:
  • "Por san Martiño faise o magosto cos castañas asadas e viño ou mosto” 
  • “Polo San Tomé dálle o porco polo pé” 
  • “O que non mata porquiño non ten lacón nin touciño” 
  • “Ben boa vida pasa o porco e mais dorme no cortello” 
  • “Alegría, alegrote que anda o rabo do porco no pote” 
  • “Polo San Lucas mata o teu porco e baña a túa cuba” 
  • “Polo Santo André mata o teu porco como o tes”
Receitas para facer coa carne do porco recén matado.