10.3.13

Rosalía de Castro

 
TEMAS DE HOXE EN ROSALÍA (II): MULLER
Dentro do contexto literario do Romanticismo, emerxe unha fonte de conflito, o que se produce entre creación literaria e  a muller que aparece en toda a obra de Rosalía; en particular, a problemática da muller escritora. Rosalía rompía todas as normas que “a sociedade (im)puña ás mulleres: facía literatura, literatura feminista, desde unha óptica galega e, ademais, en galego. Non había precedentes.” Ademais da súa preocupación polo papel da muller escritora na sociedade do seu tempo, a poeta constantemente afirma o valor e participación das mulleres galegas na sociedade. Desde o seu punto de vista, o ser feminino debería representar a realidade de Galicia igual que o masculino. En efecto, tanto na poesía como na prosa, encóntranse puntos de vista propios dunha muller crítica que crea novas posibilidades para a condición feminina.
Como un recurso contra a censura, a poeta fai uso, habitualmente, e dunha forma hábil, da ironía nas súas reflexións sobre o papel da muller na sociedade. Percíbense as súas ideas, por exemplo, cando fala de que a muller non ten capacidade para comprender os problemas sociais, pois ela só ten imaxinación e sentimento:  “… O pensamento da muller é lixeiro, góstanos, como ás borboletas, voar de rosa en rosa sobre as cousas tamén lixeiras: non é feito para nós o duro traballo da meditación. Cando a el nos entregamos, imprenámolo, sin sabelo siquera, da innata debilidade, e se nos é fácil engañar ós espíritus frívolos ou pouco acostumados, non socede o mesmo cos homes de estudio e reflexión, que logo conocen que baixo da crara corrente da forma non se atopa máis que o limo insustancial das vulgaridades... Dúas Palabras da Autora, Follas Novas.

Resumindo, no mesmo prólogo a poeta expresa o sentimento pola xente traballadora e, en particular, polas mulleres coas seguintes palabras:
“… E ¡sófrese tanto nesta querida terra galega! Libros enteiros puideran escribirse falando do eterno infortunio que aflixe os nosos aldeáns e mariñeiros, soia e verdadeira xente do traballo no noso país. Vin e sentín as súas penas como se fosen miñas, mais o que me conmoveu sempre, e polo tanto non podía deixar de ter un eco na miña poesía, foron as innumerables coitas das nosas mulleres: criaturas amantes para os seus e os estraños, cheas de sentimento, tan esforzadas de corpo como brandas de corazón e tamén tan desdichadas que se dixeren nadas soamente para rexer cantas fatigas poidan aflixir á parte máis frouxa e inxel da humanidade…”Follas Novas.
Continuará...