17.3.13

Temas de hoxe en Rosalía: a lingua


Outro tema que está de actualidade é a reivindicación do idioma propio e a dignificación do pobo que o fala, menosprezado secularmente por ser fiel á súa lingua e caricaturizado por aqueles que crían que o galego era unha lingua incapaz de transmitir beleza e cultura. Rosalía estaba rodeada da intelectualidade galega da época e manifesta, no prólogo da obra, a súa adhesión aos propósitos do movemento en favor da lingua galega, expresando ademais a intención de realzar as calidades da súa terra. A poeta proponse combater o desprestixio da lingua galega e a inxustiza coa que Galicia era tratada.

Rosalía, ao escoller o galego para expresarse e cantar os costumes, a paisaxe e o folclore galego, demostra o seu propósito reivindicativo:



“…todo esto me atrevín a cantar neste homilde libro pra desir unha vez siquera i anque sea torpemente, ós que sin razón nin conocemento algún nos desprezan, que a nosa terra é dina de alabanzas, e que a nosa lingua non é aquela que bastardean e champurran torpemente nas máis ilustradísimas provincias cunha risa de mofa que, a desir verdade (por máis que ésta sea dura), demostra a iñorancia máis crasa i a máis imperdoable inxusticia que pode facer unha provincia a outra provincia hirmán por probe que ésta sea. Mais he aquí que o máis triste nesta cuestión é a falsedade con que fóra de aquí pintan así ós fillos de Galicia como a Galicia mesma, a quen xeneralmente xuzgan o máis despreciable e feio de España, cando acaso sea o máis hermoso e dino de alabanza…” Prólogo de Cantares Galegos.



         ¡¡¡Tantos anos que levan pasado desde que Rosalíaescribiu e aínda hoxe nos preocupan os mesmos aspectos que a ela lle preocupaban. A pesar de que pensamos o moito que levamos avanzado desde o século XIX até hoxe, no fondo, a situación social é a mesma!!!


SERÁ SÓ ALGO CÍCLICO? ESPEREMOS QUE ASÍ SEXA!!!